Santiago de Compostela declárase municipio libre de desafiuzamentos

A medida aprobarase este xoves no Pleno Municipal
As persoas afectadas e os colectivos sociais da cidade celebran unha iniciativa histórica

 

Santiago de Compostela, 25 de novembro.- Desde o vindeiro xoves 29, a cidade de Santiago de Compostela declararase oficialmente “Municipio libre de desafiuzamentos”, segundo acordou o Concello desta localidade, cuxos membros se implicarán directamente nos casos para evitar que as familias sexan desaloxadas das súas vivendas.

 

O acordo municipal implica unha serie de medidas a nivel local que permitirán frear calquera tipo de desafiuzamento que as entidades bancarias pretendan executar sobre familias que, castigadas pola crise e en situacións económicas insostibles, non poidan facer fronte ao pago das súas hipotecas. O alcalde de Compostela, Angel Currás, indicou que o Concello que lidera “amosa o seu rexeitamento ao feito de que calquera familia da cidade, por mor da crise económica, poida ser desafiuzada”. Asegurou tamén que “o equipo de goberno estará en primeira liña defendendo o dereito á vivenda dos cidadáns afectados”.

 

A portavoz do PP de Santiago, Paula Prado, destacou “a humanidade que sempre moveu as decisións do alcalde”, así como a súa “fiel defensa” da cidade e dos seus habitantes. Prado, quen é titular tamén da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, afirmou que “en calquera situación de ameaza por parte dunha entidade bancaria a familias castigadas por unha crise que non provocaron, atoparanse coa oposición e resistencia do propio equipo de Goberno. A nosa obriga non é outra que a de protexer os dereitos humanos na nosa localidade, e os casos de desafiuzamento son unha violación flagrante dos mesmos”.

 

Afectadas-os e colectivos sociais convidan a unha celebración popular
Quen mais se alegra da aprobación do novo “status” de cidade libre de desafiuzamentos son, claro está, as propias persoas afectadas, que ven salvada a súa vivenda tras pasar en moitas ocasións por auténticos calvarios. “Non pensabamos que isto fora posible, pero grazas á loita, á boa fe que demostrou o noso equipo de goberno e á colaboración das entidades bancarias, moitas persoas imos poder continuar coa nosa vida, libres desa ameaza suprema que é quedar sen un teito”, conta X.C.R, unha das afortunadas que se beneficiará do programa municipal.

 

Diversas personalidades manifestan o seu apoio e felicitan ao Concello
Alberto Núñez Feijóo foi dos primeiros en felicitar ao consistorio compostelán por “saber aparcar as diferencias” e atopar unha solución consensuada entre tódolos partidos que gobernan na cidade. En declaracións aos xornalistas, o presidente da Xunta sostivo que a situación económica de moitos españois require “política con maiúsculas”, e que en Santiago materializouse.

 

Tamén en Génova houbo reaccións a esta radical e inesperada medida. A secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, recordou que España foi no seu momento, grazas en parte a decisións como esta, “un modelo de recuperación económica”. Ao seu xuízo, iniciativas así contribúen a mellorar a nosa imaxe exterior, xa que son proba “do potencial e a capacidade de recuperación que ten España”.

 

O noso país ten as multinacionais máis importantes en moitos ámbitos, é a cuarta economía da zona euro, a quinta da UE, que logrou importantisimos avances no pasado, exemplo dunha transición democrática como non a houbo en ningún outro lugar do mundo”. Nunha actitude esperanzadora e positiva, visiblemente satisfeita, a destacada popular sinalou que “España ten moitas cousas das que presumir, e o drama das familias desafiuzadas non encaixaba neste contexto”.

 

Pola súa banda, o Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez, declarou a súa satisfacción por ver atendidas e asumidas as políticas que levaba tempo tentando sacar adiante para acabar definitivamente “con esta lacra que atenta contra os dereitos humanos máis elementais”. Destaca a valentía do equipo de Goberno, “cuxo cometido non é outro máis que o de velar porque as institucións respecten escrupulosamente os dereitos que nos asisten”.

 

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, coñecido pola súa implicación nesta problemática e a asistencia que presta asiduamente ás familias afectadas, declarou pouco despois de coñecer a boa nova, e en compañía precisamente dos que dende agora serán responsables de facer cumprir as medidas que se van aprobar, que era imposible “eludir a responsabilidade ante os graves problemas sociais que, mais alá dos procesos e mecanismos económicos, movidos a veces por unha especulación inmoral, deben resolverse cun compromiso ético e moral”. Apelou tamén ao “espírito de xustiza” e a “non poñer o beneficio económico por enriba do ben da persoa humana, nin o éxito individual por enriba da solidariedade”.

 

Na súa carta pastoral máis recente, centrada no tema dos desafiuzamentos, Monseñor Barrio escribía que  “no medio do desvalemento económico provocado pola desorde moral, o medo condiciona os diferentes aspectos da nosa vida, e a crise está repercutindo de maneira dramática sobre as persoas  familias con menos posibilidades”.

 

Nun xesto sen precedentes, o dignatario puxo a disposición da comisión especial as vivendas baleiras que a Igrexa mantén na capital de Galicia para seren utilizadas por aquelas familias xa desafiuzadas e sen alternativa habitacional, a cambio dun pequeno alugueiro que non supere nunca o 20% dos ingresos da familia.

 

As entidades financeiras coincidiron en sinalar que o desafiuzamento é sempre a última opción, e amosáronse esperanzadas por ver os resultados desta iniciativa para poder trasladala ao resto de comunidades autónomas.

2 comments

  1. Pingback: Santiago se declarará municipio libre de desahucios [gl]
  2. Pingback: Xoves, 29 de novembro: día contra os desafiuzamentos #stopdesahucios « acampadaSCQ