Comunicado de Fomos Armala Raptando Temporalmente Ao Susiño (#FARTAS) #stopdesafiuzamentos

Stop Desahucios Compostela recibiu unha chamada telefónica de alguén que dicía falar en nome do colectivo “Fartas” na que se comunicaba que o Neno Xesús foi retirado do portal de Belén da praza Obradoiro compostelán.

Desde Stop Desahucios queremos facernos eco desta información que nos parece unha forma simbólica para facer un chamamento á sociedade sobre a problemática dos desafiuzamentos, concibido como unha acción para a denuncia social da escasa preocupación política, a hipocresía imperante e a falta de solucións contra unha dás problemáticas que máis preocupan ao conxunto da poboación galega.

A chamada, en ton humorístico, informaba das declaracións feitas polo “Neno Xesús”; o afectado declarou comprender “perfectamente que as activistas estean fartas e fartos de que as institucións públicas, neste caso o Concello de Compostela, non vaian máis alá das meras declaracións retóricas sobre a problemática das desafiuzadas e estafadas, cando as solución son sinxelas”. Segundo palabras do desafiuzado, “comparto punto por punto as reivindicacións da plataforma, estou farto tamén de que se dilapiden os cartos de todas en encher a cidade de motivos de nadal ao tempo que cada vez máis veciños e veciñas están condenadas á fame e á miseria”.

O colectivo garante a integridade material dun Neno Xesús que aparecerá ao longo dos vindeiros días na cidade. Ao recibir esta nova, o desafiuzado asegurou que “temo o momento do regreso, véxome máis cómodo entre estes compañeiros e compañeiras que nas mans dun goberno irresponsábel como o da cidade de Compostela”.

Ante as sospeitas dun posíbel acto vandálico que barallan moitas compostelás, o colectivo asegura que “os principais vándalos son a Banca e os seus gobernos cómplices, nós somos xente tranquila”, ao tempo que se agarda que o seu futuro regreso, aínda a contra vontade do desafiuzado, non sexa un regreso á mediocridade, senón que o goberno municipal e galego tomen medidas serias para atajar esta problemática, por máis que ao fío do dito polo Neno Xesús “eu milagres non fago”.


#Fartas – Estará na dársena de Xoán XXIII, estará nalgún albergue de Compostela, andará pedindo na rúa? Onde estará o neno xesús? Será que os bancos o deixan voltar a el e a todas as familias desafiuzadas ás súas casas por Nadal? Que será, será?