Manifestación unitaria #stopdesafiuzamentos e contra o acoso financeiro

O respecto pola dignidade humana é responsabilidade de toda a sociedade. Previr situacións de miseria, de desamparo ante as inxustizas, é o deber que prima nos desafiuzamentos. E isto non é unha loita económica, é vital.

Levamos xa moito tempo reclamando dación en pago retroactiva, paralización de desafiuzamentos e creación dun parque de vivendas en aluguer social. Levamos moito tempo xa reclamando unha solución ao problema da vivenda no Estado español que se deixou en mans de especuladores, entidades financeiras que os amparan e unha lexislación que se esquece que este dereito está, non só recollido na nosa constitución, senón ademais na declaración universal dos dereitos humanos.

Dende as altas esferas tomáronse medidas evidentemente insuficientes, porque seguimos tendo máis de 500 desafiuzamentos diarios, porque seguimos tendo 470 mil familias na rúa. E a nosa lexislación só entende de dación en pago para as entidades financeiras coa creación do banco malo.

Por todo isto, dende a unidade de distintos colectivos e o apoio mutuo entre as persoas, convocamos á veciñanza de Compostela a unha manifestación unitaria contra os desafiuzamentos e o acoso financeiro. Isto non é un problema que requira solucións caritativas, isto é un problema que require solucións de xustiza.

Temos que facer palpable o apoio ás persoas que sufriron e seguen sufrindo esta trangallada, temos que demostrar que xuntas podemos cambiar este modelo.

Venres #28D, día dos inocentes, 20:00 Praza Roxa.

desafiuzar=asasinar

Máis | Evento no FB